Pinceladas do esquecemento

No club de lectura falaramos da exposición Pinceladas do esquecemento, comisariada por José Luis Mateo Álvarez, membro do Instituto de Estudios Vigueses, e que se pode ver na pinacoteca Francisco Fernández del Riego, en Vigo, ata o 28 de abril de 2024 (a data de clausura estaba prevista para o 21 de xaneiro de 2024 pero ampliouse). Nela rescátanse a vida e a obra de dúas pintoras viguesas do século XIX, Elina Molins e Blanca Chao, que quedaran no esquecemento. O tema da invisibilidade das mulleres artistas ao longo da Historia xa o abordaramos en diferentes ocasións no club, a raíz dalgunhas lecturas, e afondaramos tamén na peza performativa Queridas viejas, de María Gimeno, que visibiliza esta cuestión dun xeito artístico e moi gráfico.

Déixovos aquí o texto que escribiu José Luis Mateo Álvarez arredor da mostra:

“O  esquecemento  e  a  invisibilidade  das  mulleres artistas é  unha  mostra  da  súa  exclusión durante séculos da historiografía artística. Houbo que agardar ata os anos setenta do século XX para que o  feminismo reivindicase o papel das artistas a través dos estudos de xénero e cuestionase así o discurso  patriarcal  académico. Comezaba  así  un longo e lento percorrido por rescatar  e visibilizar a  pegada  da  muller  artista  que,  en  España,  tivo como pioneira á historiadora Estrella de Diego ca libro La mujer y la pintura del XIX español. Cuatro­ cientas olvidadas y algunas más (1987).

Entre aquelas máis de catrocentas mulleres esque­cidas tampouco estaban as viguesas Elina Molins Fernández e Blanca Chao Sedano, cuxa produción artística fora silenciada e quedara circunscrita ao ámbito familiar, afastada da exhibición e o recoñe­cemento público do que gozaron moitos dos artis­tas coetáneos. Ambas participaron en Exposicións Nacionais ou Rexionais e nas bienais do Círculo de Bellas Artes de Madrid e mesmo viron reproducidos cadros nos catálogos das exposi­cións, o que amosa a importancia que acadaron no seu momento, cando a reprodución era un privilexio ao alcance duns  poucos. Elina e Blanca pintaron apenas durante a última década do XIX. Aproveitaron as posibilidades formativas que lles deu nacer no seo de familias burguesas liberais como os Molins e os Fernán­dez Chao, favorecedores  dunha formación completa da muller. As mozas dos Chao e os Molins tiveron acceso a unha formación  en  idiomas, música ou artes no estranxeiro e despois ao carón de mestres artistas como Maximino Peña, José García y Ramos ou pintores relacionados coas familias, como foron os Avendaño e Francisco Pradilla.

A incompleta formación artística das mulleres, que nese momento non tiñan acceso a clases de ana­tomía,  composición  ou  colorido,  afastábaas  dos xéneros  pictóricos mellor  valorados  na  época:  a temática mitolóxica, relixiosa  e a histórica. Elina e Blanca, igual que outras mulleres pintoras, circuns­cribiron a súa arte ao ámbito doméstico centrándo­se na pintura de flores, naturezas mortas, retratos familiares ou de animais, pero tamén foron quen de abrir as portas dos “cuartos propios” para pintar ao aire libre e tratar  a paisaxe e as temáticas costu­mistas que forxaron as súas vivencias persoais.

Esta  exposición  trata  de  recuperar  e visibilizar  a produción artística destas  dúas  pintoras de orixe viguesa que, aínda que  non chegaron a  profesio­nalizarse, merecen ser incorporadas á  historia da arte galega”.

Este é o horario da exposición: de martes a venres, de 18.00 a 21.00 horas; os sábados, de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas, e os domingos e festivos, de 12.00 a 14.00 horas. Os luns (incluídos os luns festivos) está pechada. O enderezo da pinacoteca Francisco Fernández del Riego atópase na rúa Abeleira Menéndez, número 8, en Vigo.

Déixovos aquí tamén a ligazón a un artigo que escribiu Manuel Bragado sobre a exposición para o xornal Faro de Vigo, e que se pode ler tamén no seu blog Brétemas.

Deixar un comentario

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos