Día Mundial da Poesía e Día Mundial do Teatro

No mes de marzo conmemoráronse dous xéneros que están tamén presentes habitualmente no club de lectura, alén do xénero narrativo. Por unha beira, o día 21 celebrouse o Día Mundial da Poesía, e, pola outra, o día 27, o Día Internacional do Teatro. Na última sesión do club quixemos sumarnos ás conmemoracións e, ademais de falar da orixe e dos obxectivos co que xurdiu cada unha das datas, tamén fixemos varias lecturas.

Día Mundial da Poesía

O 21 de marzo foi seleccionado pola UNESCO no ano 1999 para a celebración do Día Mundial da Poesía (que tivo a súa primeira conmemoración no ano seguinte, no 2000) co obxectivo de “apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e fomentar a visibilización daquelas linguas que se atopan en perigo”. Dende a UNESCO destacan que se trata dunha ocasión “para honrar as e os poetas, revivir tradicións orais de recitais de poesía, promover a lectura, a escritura e o ensino da poesía, fomentar a converxencia entre a poesía e outras artes, como o teatro, a danza, a música e a pintura, e aumentar a visibilidade da poesía nos medios de comunicación”.

No club primeiro lemos “A borbotones”, un poema da escritora nicaraguana Gioconda Belli sobre o pulo creativo, que compartiu Carmen; e achegámonos tamén á poesía dunha autora nova galega, Branca Trigo Cabaleiro, lendo un poema do seu último libro trans0, e á súa poética, para continuar co noso percorrido pola diversidade de autoras e autores e estilos, tanto en Galicia como noutros contextos.  

Gioconda Belli é unha escritora e activista nada en Managua, Nicaragua, no ano 1948. Ao longo da súa vida cultivou especialmente tanto a poesía como a narrativa. Dende que era moi nova participou no movemento revolucionario que derrocou a Anastasio Somoza en 1979. Ocupou importantes cargos no goberno e no partido sandinista, do que se separou en 1993. Como escritora publicou unha extensa obra, que lle valeu numerosos recoñecementos. Gañou o Premio Casa de las Américas en Cuba en 1978 polo seu libro de poemas Línea de fuego e o Premio á Mellor Novela Política do Ano en Alemaña en 1989 pola súa novela La mujer habitada (que se lera no club hai anos). As súas memorias, El país bajo mi piel, foron finalistas do premio Los Angeles Times Book Prize en 2001. Pola súa novela O infinito na palma da man recibiu tamén os premios Biblioteca Breve de Seix Barral e Sor Juana Inés de la Cruz da FIL de Guadalaxara. En 2010, a súa novela El país de las mujeres gañou o Premio Latinoamericano La Otra Orilla. En 2015, a súa novela El intenso calor de luna foi finalista da Bienal de Novela Mario Vargas Llosa, así como a súa novela Las febres de la memoria. No ano 2022 publicou Luciérnagas, un libro de ensaios.

Como poeta, a súa creación recibiu recoñecementos como o Premio Xeración do 27, o Premio Cidade de Melilla e, en 2020, o Premio Jaime Gil de Biedma. Ademais, en 2018 recibiu o Premio Hermann Kesten do PEN alemán e o Premio PEN Oxfam-Novib na Haia, recoñecendo o seu traballo pola liberdade de prensa e na defensa dos dereitos humanos e das mulleres. As súas obras foron traducidas a máis de vinte idiomas. Foi presidenta do PEN Internacional, capítulo de Nicaragua, ata 2021, membro da Real Academia da Lingua de Nicaragua e Cabaleiro das Artes e das Letras de Francia. O ano pasado, en  2023, Gioconda Belli recibiu tamén o Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana.

Gioconda Belli. Fonte: páxina web da poeta.

Déixovos aquí a ligazón ao encontro celebrado o 4 de decembro de 2023 no Centro Ágora da Coruña, dentro do ciclo Poetas Di(n)versos, no que participou Gioconda Belli, xunto á poeta e docente galega Andrea Nunes.

Branca Trigo Cabaleiro naceu en Vigo no ano 1997. Ademais de ser escritora é tamén editora, xa que codirixe, xunto a Alfredo Vázquez, Malafera, un selo editorial independente especializado en poesía. Con esta editorial publicou o libro de poemas Coñecemento do Medo, en 2021, e trans0 (2024),  así como os fanzines Sagrado corazón de Бáба Ягá (2022), Ω (2023) e O ser e o nervio (2023). Coa editora Urutau publicou no ano 2022 o libro Condolore.

Branca trigo Cabaleiro nunha presentación do seu poemario trans0. Fonte: redes sociais da poeta.

Ademais, Branco creou xunto con Pablo Rodríguez a peza sobre poesía e videoxogo Poetry Sniping: Simulacro e tamén realiza co seu pai, o artista plástico Ramón Trigo, intervencións que fan converxer a poesía e a pintura en vivo. A súa obra apareceu en revistas e publicacións colectivas, e gañou certames de poesía coma o do Concello de Ames e o da Universidade de Vigo. Participou en diversos festivais e ela mesma organiza o micro aberto Cerimonia de Gaivotas e coordina obradoiros de poesía. O seu traballo está ligado á experimentación formal e á relación da literatura con outras disciplinas, como a música e as artes plásticas. Ademais, colabora na sección de literatura do xornal O Salto.

Día Internacional do Teatro

A conmemoración do Día Mundial do Teatro foi iniciada en 1961 polo Instituto Internacional do Teatro ITI, e festexouse por primeira vez no ano seguinte, 1962. Para celebrar esta ocasión organízanse diversos eventos locais e internacionais. Unha das actividades máis importantes é a difusión da Mensaxe do Día Mundial do Teatro, onde unha figura de renome internacional é convidada polo ITI cada ano a compartir as súas reflexións sobre o teatro e a cultura da paz, no que é a Mensaxe do Día Mundial do Teatro, que se traduce a máis de 50 idiomas, se le a milleiros de espectadores e espectadoras de todo o mundo e se imprime en centos de xornais. Compañeiros do ámbito audiovisual en todo o mundo colaboran con máis dun centenar de emisoras de radio e televisión transmitindo a mensaxe a ouvintes dos cinco continentes.

A primeira mensaxe do Día Mundial do Teatro foi escrita por Jean Cocteau en 1962. Dende entón, o 27 de marzo de cada ano (data da inauguración da tempada do “Teatro das Nacións” de 1962 en París), o Día Mundial do Teatro celébrase en varios dos Centros ITI de diferentes xeitos. Ademais, ás celebracións sumáronse teatros, profesionais e amantes do teatro, universidades, academias e escolas de todo o mundo.

En 2024 a persoa que asinou a mensaxe internacional do Día do Teatro foi o dramaturgo noruegués Jon Fosse, que recibira o Premio Nobel de Literatura en 2023. No club de lectura lémola na súa tradución ao galego, que fixen eu para a erregueté | Revista Galega de Teatro, e que vos deixo tamén aquí.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, AAAG, adoita solicitar cada ano a unha persoa do mundo das artes escénicas galegas a elaboración do manifesto galego polo Día Mundial do Teatro. No ano 2024 a artista encargada de crealo foi a narradora oral Vero Rilo, que quixo reivindicar a definición da escena como “rebeldía, transgresión e salvavidas”. Podedes lelo aquí, na páxina web da AAAG.

Jon Fosse é un escritor nado en Noruega no ano 1959 coñecido, sobre todo, como dramaturgo, aínda que publicou tamén textos narrativos, tanto novela como relato, e ensaio. A súa obra está dirixida maioritariamente ao público adulto, aínda que tamén escribiu algúns textos para o público infantil. Da súa creación foron traducidos ao castelán os seguintes traballos: Alguien va a venir, Melancolía, Trilogía, Mañana y tarde e Blancura.

Jon Fosse.

Durante a súa carreira recibiu numerosos premios e galardóns, especialmente no eido nórdico, ademais da Orde do Mérito outorgada polo Estado Francés. Jon Fosse levaba anos sendo candidato ao Premio Nobel de Literatura, ata que llo concederon o ano pasado.

Vero Rilo naceu en Mugardos no ano 1984 e é narradora oral, educadora infantil e técnica superior en Integración Social. Dende 2013 combinou o seu labor docente coa súa faceta escénica, á que se dedica en exclusiva dende 2018. Na súa carreira artística, destacou dende o primeiro momento a súa vontade por erguer alianzas e fomentar sinerxías con voces cómplices da música, da poesía e mais da narración oral. O seu primeiro proxecto artístico creouno xunto ao acordeonista Santi Prieto e levaba por nome Daboapipa. Baixo o seu paraugas, fusionaban a narración e a música para o público familiar. Despois verían a luz Rilo&Penadique, xunto á acordeonista Sonsoles Penadique, e Apatacón, dúo artístico xurdido á beira da vocalista Faia Díaz.

Vero Rilo. Foto de Yolanda Ataraxia. Fonte: AAAG

En 2019, Rilo aliouse coas narradoras Ángeles Goás e Carmen Conde para levar polos escenarios unha sesión de contos eróticos. E en febreiro de 2024, estrou Indóciles, proxecto multidisciplinar ao redor da figura de Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano, xunto á cantante Mónica de Nut e mais a resitadora Nuria Vil. Mantén tamén a súa propia compañía para traballar en solitario ou na compaña de músicos como Santi Cribeiro ou intérpretes como Luís Iglesias. Ademais, Vero Rilo forma parte da Asociación de Narración Oral Galega NOGA.

Material complementario

Deixar un comentario

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos