Actividades especiais en setembro

A biblioteca municipal do Porriño vén de organizar dúas actividades especiais para o club de lectura para este mes de setembro de 2021 dentro do Programa Ler Conta Moito 2021 da Xunta de Galicia.

Día: 9 de setembro
Hora: 19.00 horas
Artista: Avelino González
Actividade: Contos de contrabando

Contido: Sesión de contacontos para público adulto. Antes os contos pasaban de boca a orella, agora, ademais, pasan de ollos a boca e a orella. Contámonos contos que lemos ademais dos que oímos, e, se nos gustan, recomendamos os libros! Así podemos, cada quen, facer a nosa versión do conto desde a orixinal. Así que, vou contar contos que lin, co desexo de que vos gusten; e a biblioteca vai ofrecer os libros, para que imaxinedes eses contos, e máis, á vosa maneira.

Día: 16 de setembro
Hora: 19.00 horas
Compañía: Berrobambán
Actividade: Encontro con Paula Carballeira: O medo na literatura e no cinema

Contido: Actividade de divulgación. O medo é unha das poucas cousas que non buscas, o medo atópalo. As historias de medo so perseguen o arrepío do momento. É despois de lelas, una vez que estás na cama e que pensas que as historias que acabas de ler xa non teñen perigo, cando algo fai que as lembres: un son, unha luz, un golpe. Adoitan ser tres avisos, o tempo xusto para quitarte o sono.

Trátase de dúas actividades de dinamización da lectura que pretenden fortalecer o papel da biblioteca como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente e da descuberta de novos temas e inquedanzas sociais.

Con este tipo de propostas, a biblioteca quere promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo da súa comunidade, valorando o libro e, en xeral, a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión.

O club de lectura está aberto a novas incorporacións, así que se aínda non estás inscrita/o no club e queres incorporarte á actividade regular e participar nestas actividades especiais podes facelo escribindo a través do formulario de contacto deste blog ou poñéndote en contacto coa biblioteca. Aínda que despois da pandemia o club pasou a modalidade virtual, nun futuro próximo volverá de novo ao formato presencial nas instalacións da biblioteca con todas as garantías de seguridade e saúde.

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos