‘Martes con mi viejo profesor’

Xénero: Novela autobiográfica.  

O autor: Mitch Albom é un autor estadounidense nado en Nova Jersey en 1958 que conta cunha prolífica carreira no eido do xornalismo e a literatura, así como na música, como compositor e pianista.

O libro: Martes con mi viejo profesor (Tuesdays with Morrie) foi o seu terceiro libro e publicouse en 1997. Non é unha obra de ficción senón que é unha novela autobiográfica escrita a partir de experiencias e persoas reais, e recolle as conversas que mantivo o propio Mitch Albom co seu antigo profesor da universidade, Morrie Schwartz, enfermo de ELA (esclerose lateral amiotrófica).

Observacións para a lectura e o comentario:

Ao igual que nas lecturas anteriores, estamos ante un libro curto en extensión e aparentemente sinxelo en forma e estrutura pero que aborda diferentes temas e cuestións que poden requirir unha lectura repousada.

· O punto de vista: Martes con mi viejo profesor está escrita en primeira persoa por Mitch Albom.

·Estrutura: O autor enfoca a novela como se fose o traballo final dunha materia, a última materia impartida polo seu vello profesor Morrie Schwartz. Así, servíndose dese recurso literario, de comparar eses encontros co desenvolvemento dunha materia, en cada capítulo nos vai introducindo na historia a partir de presentarnos o plan de estudos, o programa da materia, o alumno, o profesor, e logo cada un dos encontros, a modo de clases maxistrais ao longo de 14 martes. Que vos pareceu este recurso?

· O tratamento do tempo: Primeiro, o autor aborda e contextualiza a historia: de que vai o libro, que obxecto ten. Logo váinola contando, saltando ao pasado para lembrar a súa relación co profesor durante a súa etapa universitaria, para presentarnos mellor o profesor e contarnos como foi diagnosticado de ELA e tamén para explicarnos como decorreu a súa propia vida (a de Mitch) dende a última vez que o vira, o día da súa graduación…; e combinando eses saltos ao pasado co avance lineal do reencontro co profesor e todos os encontros que foron mantendo ata o falecemento deste. 

· O espazo: O espazo que máis importancia cobra é o despacho do vello profesor, onde se producen a maior parte das visitas de Mitch a Morrie, e, sobre todo, o espazo simbólico que se xera neses encontros, que lle achegan a Mitch unha serenidade, en contraste co caos e o ruído do mundo exterior (o estrés do traballo de Mitch, as traxedias e xuízos mediáticos, a prensa amarela….). De feito o autor emprega varias veces o recurso de facer referencia a diferentes novas escabrosas que aparecen no xornal, como se quixese facer fincapé en que, a pesar da maldade do mundo, é aínda posible crer na bondade do ser humano e confiar nos demais. Que vos pareceu ese recurso?

Ademais, cobra especial importancia a calidade do tempo que pasa co vello profesor, a pesar de que a este lle quede pouco tempo de vida.  

· Temas: O libro aborda diferentes temas e cuestións existenciais. Aínda que o libro trata sobre a morte, en realidade é un libro sobre a vida; sobre apreciar, valorar e vivir a propia vida (no caso do profesor, ademais, como el mesmo di, a enfermidade chégalle logo de ter unha longa e boa vida). O propio Morrie fala de como vivir infeliz é peor que a propia morte.

A morte, a enfermidade, a dor e a vellez son temas que moitas veces son tabú na sociedade contemporánea, que busca fomentar ideais de vidas perfectas e que se sente incómoda con todas esas cuestións (mesmo na enfermidade do tío, a muller, os fillos pequenos e Mitch miraban para outro lado cando o home tiña dor).

En relación con todo iso, o exemplo de Morrie Schwartz reside na aceptación ante as circunstancias da vida (que poden chegar a ser terribles, como no caso da ELA), e, aínda que haxa momentos de tristeza, impotencia e de dó, aprender a vivir no día a día (“En casa de Morrie la vida se vivía día a día y era precioso”); e como el decide facer da súa viaxe cara á morte (que en realidade iso é a vida) unha aprendizaxe e mesmo algo útil para a humanidade.

A cuestión que está todo o tempo de fondo é a reflexión arredor do tempo. A loita por apurar o tempo na sociedade contemporánea, por aproveitar o tempo ao máximo. Pero que é aproveitar o tempo? Como se mide o tempo: pola cantidade ou pola calidade? Mitch esquecera as súas grandes paixóns, que eran tocar e compoñer música, debido ao que el (a raíz da morte do tío) pensara que era aproveitar o tempo, así como debido á súa crecente ambición. Así comezara unha carreira acelerada por conseguir logros profesionais, mercar unha casa e varios coches, conducir rápido, facer exercicio como un poseso…, nunha loita feroz contra o paso do tempo. E, nesa carreira, foise afastando de xeito radical dos seus ideais de mocidade.

Pola contra, o que lle amosa co seu propio exemplo o profesor, non só con palabras, é como destinar o tempo ao importante: as relacións humanas, a busca espiritual, tomar perspectiva da propia vida… A falar, a escoitar e tamén a escoitar o silencio, que tanta incomodidade xera moitas veces, e tamén a aceptar as propias emocións (faise alusión a como parece que segue a estar mal visto expresar as emocións, sobre todo se se é un home). E, nunha desas aparentes casualidades da vida, prodúcese a folga no xornal e Mitch, de súpeto, ten máis tempo para poder dedicarllo ao profesor pero, sobre todo, dedicalo a si mesmo, xa que a partir das conversas co profesor el tamén descobre o que é esencial e o que non. O profesor amósalle como, moitas veces, damos por sentado todo o que podemos facer e só anhelamos o que non temos ou o que cremos que non temos.

No libro están moi presentes as relacións humanas. No caso de Morrie, recóllense as circunstancias familiares que viviu na súa nenez e mocidade e o importante papel que xogou a súa madrasta Eva, a culpa que lle provocou o caso do amigo que morreu sen que el o perdoase, a relación que ten coa súa muller, Charlotte, e cos seus fillos…; e no de Mitch a súa falta de compromiso coa muller, o distanciamento co irmán… Tamén se reflexiona arredor dos valores e costumes culturais, así como das diferenzas xeracionais, entre a de Morrie, nado en 1916, e a de Mitch, pertencente á xeración do baby boom. Mitch fala da conversa intranscendente da súa xeración e de como se foi perdendo a capacidade de escoitar, poñendo o exemplo das persoas que non son quen de escoitar a outra máis de 30 segundos seguidos e axiña viran a mirada. Que pensades vós sobre isto na nosa sociedade actual? Credes que se está a perder a capacidade de escoita?

Morrie tamén encarna os valores pedagóxicos de toda a súa experiencia como profesor, a partir do propio exemplo práctico e asegurándose, como recolle o propio Mitch, de que o alumno aprendese, sen avergoñalo, situando o desenvolvemento persoal do alumno ou alumna por riba do profesional. Credes que hoxe en día no ensino se pon enriba o desenvolvemento “profesional” sobre o persoal? Vós tivestes algún profesor ou profesora que vos marcase de xeito positivo ou que lembredes con especial agarimo?

Pode resultar interesante, a partir do libro, comezar a observar e fixarse nos pequenos detalles que fan única a cada persoa. No caso de Morrie é como sorrí, como escoita, como fai a cada persoa sentirse especial…, trazos que espertan en Mitch tenrura e que nos describe.

Morrie e Mitch (imaxe extraída da web do autor).

· ELA: A ELA, esclerose lateral amiotrófica, é unha enfermidade que afecta de xeito progresivo ao sistema nervioso e provoca a perda do control muscular. En Francia coñécese co nome de enfermidade de Charcot, polo neurólogo francés Jean-Marie Charcot, o primeiro en describir, no ano 1869, a ELA. Porén, nos Estados Unidos adoita coñecerse como a enfermidade de Lou Gehrig, polo xogador de béisbol Lou Gehrig, afectado pola mesma. O seu caso fíxose moi coñecido, así como o inspirador discurso que deu en 1939, na homenaxe que se lle fixo ao retirarse do deporte. No ano 1942 Sam Wood dirixiu un filme sobre a súa historia, O orgullo dos Yankees (que podedes ver pinchando enriba da ligazón), protagonizado por Gary Cooper.

Outros casos coñecidos e moi inspiradores son os do físico Stephen Hawking e do músico Jason Becker. Ademais, estes dous casos escaparon ao prognóstico médico en canto á esperanza de vida. Sthephen Hawking faleceu en 2018 aos 76 anos (55 despois de ser diagnosticado de ELA, cando os médicos só lle daban un par de anos de vida), deixando un importante legado científico e resultando ser un gran exemplo de superación. Pola súa banda, o virtuoso da guitarra Jason Becker, segue vivo trinta e dous anos despois de recibir o diagnóstico, aos 20, de que só viviría tres anos máis, e segue compoñendo música cun ordenador, a pesar de que só se pode comunicar a través do movemento dos ollos, sendo un exemplo e un referente non só para novos músicos senón para calquera persoa que coñeza e conecte coa súa historia.   

· Referencias budistas e doutras tradicións: O profesor emprega referencias e ensinanzas de diferentes relixións e tradicións, ente elas a budista, como que a preparación para a morte prepara para a vida (“cuando aprendes a morir, aprendes a vivir), a partir de discernir que é o importante, o esencial. Nese senso, no libro recóllese a práctica budista de ver cada día ese paxariño que se pousa sobre o ombreiro e fai a persoa sentir se está preparada para a morte, se está a facer o que ten que facer e a ser a persoa que se quere ser. A lectura tamén trata de fondo a diferenza entre a mágoa, que xorde do medo, e a compaixón, que parte do amor. De feito, o amor é, segundo Morrie, o máis importante na vida (o amor sempre vence na tensión dos opostos).

Outra cuestión que aborda é como aprender a desligarse da vivencia, a desapegarse, a ir máis aló do horror e do medo, mesmo en circunstancias terribles, para poder atopar paz, así como deixar ir o medo á dor, á perda, mesmo antes que esta aconteza ou sen saber como vai acontecer.  Por exemplo, Mitch cría que ía ter cancro e vivía con esa presión de ter que vivir rapidamente antes de que o cancro lle chegase, e cambiou de vida por esa crenza; porén o cancro non lle chegou a el… Hai xente que vive con medo continuo a perder as súas posesións, a enfermar, a perder os seres queridos, e vive infeliz, en vez de vivir todo o que ten no presente. 

No libro tamén se fala doutras tradicións, como dunha tribo dunha rexión ártica de Norteamérica, que ve a alma de cada ser vivo coma o mesmo ser en pequeniño; e da tribo desana en América do Sur, que cre que que somos todos criaturas dun mesmo bosque  e que no mundo hai unha cantidade fixa de enerxía que se ten que equilibrar.

Algunhas cuestións interesantes que se poden abordar á hora de desenvolver a lectura e o comentario, ademais das que xa se foron sinalando, son:

— Que vos transmitiu a lectura? Transmitiuvos algunhas sensacións?

— Que cousas vos chamaron a atención durante a lectura?

— Que vos gustou do libro e por que? Houbo algo que non vos gustase e por que? (Proponse facer sempre un comentario crítico, razoado).

— Que conexións vos fixo establecer a lectura? Lembrouvos algo (outra lectura, unha vivencia persoal…)? Fíxovos pensar sobre algo?

E, centrándonos nos aspectos concretos desta obra:

—Que vos pareceu a historia e o xeito en que se nos conta, tendo en conta tamén que parte de feitos e persoas reais?

—Que vos pareceu o xeito en que se abordan os temas no libro, a partir das conversas entre Mitch e Morrie? Resultouvos inspirador ou moralista? Fondo ou superficial?

—O libro foi publicado en 1997, e os encontros entre Mitch e Morrie producíronse no ano 1995. Que tal credes que pasou o tempo polo libro? Credes que cambiou moito a sociedade con respecto á desa época? E en relación cos valores aos que alude Morrie? E en canto á cuestión xeográfica, ao situarse nos Estados Unidos? Notastes os referentes próximos?

Indicacións e tempos de lectura: A data límite para devolver o libro na biblioteca é o martes, 14 de setembro (incluído). Podedes enviarme tamén o comentario tamén ata esa data.  

Outras referencias e temas complementarios:

· No ano 1999, estreouse un filme para a televisión baseado no libro, que tiña como protagonistas a Jack Lemmon, no papel de Morrie Schwartz, e Hank Azaria no papel de Mitch Albom. 

· No libro aparece a referencia a algúns activistas políticos que pasaron pola universidade de Brandeis, como Abbie Hoffman, Jerry Rubin ou Angela Davis. Tamén se inclúen algunhas citas, entre elas unha de Mahatma Gandhi.

· Faise tamén alusión ao xuízo contra o ex-futbolista OJ Simpson, que foi coñecido nos Estados Unidos como o xuízo do século pola súa repercusión mediática.

· Un tema que se pode conectar coa lectura é o da eutanasia, que consiste na provocación dunha morte sen dor a persoas con enfermidades graves e incurables, solicitada pola propia persoa e dentro duns supostos. En España aprobouse o 25 de xuño de 2021 a lei da eutanasia.

· Loli, participante do club, comparte tamén este caderno sobre os coidados paliativos, que afonda na dimensión filosófica e ética dos mesmos.

2 pensamentos sobre “‘Martes con mi viejo profesor’

  1. Historia REAL de encuentros semanales entre Morrie Schwartz (profesor) y Mitch Albom (antiguo alumno).
    Cuando al profesor le diagnostican la ELA no está dispuesto a avergonzarse, decide hacer de la muerte su proyecto final, el centro de sus días.
    “Cuando aprendes a morir aprendes a vivir”

    Las citas semanales con su antiguo alumno MItch se convierten en lecciones magistrales. Tema: EL SENTIDO DE LA VIDA.
    Es un libro corto y fácil de leer. Duro y tierno a la vez. Hace pensar y reflexionar, y no olvidar que es una biografía.
    Morrie fue durante toda su vida un ser especial, cercano, afable, sensible. Un gran amor por la vida, la familia, los amigos, la naturaleza, la lectura, y sus pilares: humildad, sencillez y generosidad.
    “La manera que puede aportar un sentido a la vida es dedicarte a amar a los demás…”
    Generosidad que le proporcionó esa permanente sonrisa y “buen humor” con los que le cuidaban y le querian.
    Y les hacía el menor daño posible.

    A mí este libro me afectó de manera especial porque estoy viviendo un caso cercano. Muy duro. Con satisfacción
    por parte del paciente que se haya aprobado la la ley de la eutanasia.

    De Mitch Albom había leído, hace años, “Las cinco personas que encontrarás en el cielo”

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: