‘Fahrenheit 451’, de Ray Bradbury

“El tiempo se ha dormido a la luz del sol del atardecer”

Nesta lectura volvemos a Estados Unidos pero a outro contexto diferente. A novela foi escrita no ano 1951 e publicada en 1953 e, aínda que se sitúa nunha sociedade futurista, nela están presentes trazos da sociedade norteamericana da época en que foi escrita (o estado de benestar, o macartismo e a caza de bruxas á que se viron sometidos moitos artistas e intelectuais da época, e xa antes, o Comite de Investigaciones de Actividades Antiamericanas, ao que se tivera que enfrontar o propio Bradbury). Porén, hai elementos que seguen a conectar esta novela coas anteriores.

Xénero: novela.

O autor: Ray Bradbury foi un escritor estadounidense que destacou especialmente no xénero narrativo (relato curto e novela) de temática fantástica e ciencia ficción, aínda que cultivou diferentes xéneros.  Naceu en Wukegan (Illinois) en 1902 e faleceu en Los Ángeles en 2012.  Dende que era neno apaixonouse pola literatura e, ademais de ler moito, comezou a imaxinar historias, arredor de teimas persoais (gustos, medos, inquedanzas…), e a escribir contos baseados neses temas e nesas historias. Cando rematou o instituto non puido ir á universidade por falta de medios económicos e dedicouse durante varios anos a vender xornais na rúa. Porén, ía á biblioteca varios días por semana e pasaba horas a ler e escribir contos.  No seu libro Zen en el arte de escribir, comparte dun xeito moi motivador os seus referentes e as súas fontes de inspiración, así como o seu xeito de entender a escrita, non só como un oficio, senón tamén como unha gran paixón. Os numerosos contos que foi publicando en revistas norteamericanas ao longo dos anos están recollidos en diferentes volumes, como Crónicas marcianas (1950), e publicou tamén unha decena de novelas, entre as que, ademais de Fahrenheit 451, destacan O viño do estío (1957), A feira das tebras (1962) e A árbore das bruxas (1972).  Tamén escribiu poemas, textos teatrais e libros de non ficción, como o libro Zen en el arte de escribir, xa mencionado.  

Sobre o texto: Ray Bradbury escribiu esta novela no ano 1951, en nove días, nunha máquina de escribir de alugueiro no soto dunha biblioteca. Porén, tiña como base diferentes relatos breves que fora publicando nos anos anteriores. “Eu non escribín Fahrenheit 451; el escribiume a min”, confesaba o autor no prólogo arredor do impulso que o moveu durante o proceso de escrita. Logo a novela completouse e, curiosamente,  foi orixinalmente publicada en 1953 en varias entregas na revista Playboy, que viña de fundar Hugh Hefner, logo de ser rexeitada por moitas outras.

O título, Fahrenheit 451, alude á temperatura (451 graos Fahrenheit) á que o papel prende e arde, e o libro ofrece unha distopía, unha visión imaxinaria do mundo que se considera como fortemente negativa (fronte a unha utopía). Porén, moitos dos elementos tecnolóxicos e costumes que aparecen na obra, escrita hai 68 anos, nun futuro distópico imaxinado polo autor, remiten a moitas cousas que xa están presentes na nosa sociedade actual (a mediatización das relacións a través de pantallas, a presenza estendida dos auriculares sen cable, o bombardeo de imaxes e melodías…).   

A principal adaptación da novela a outros medios foi o filme homónimo dirixido por François Truffaut, no ano 1966.

Fotograma do filme Fahrenheit 451, dirixido por Truffaut.

Observacións para a lectura e o comentario:

Ao igual que nas lecturas anteriores, estamos ante un libro curto en extensión pero cheo de contidos e que abre diferentes reflexións, que require unha lectura lenta.

·O punto de vista: Fahrenheit 451 é unha novela narrada en terceira persoa, por un narrador omnisciente.  O seu protagonista é Guy Montag, un bombeiro de trinta anos que vive nunha sociedade futurista en que a maior parte dos libros están prohibidos e o labor dos bombeiros é queimalos.

·O punto de partida: O punto de partida da trama do libro é o encontro de Guy Montag con Clarisse McClellan, unha rapaza de 17 anos que vive na súa rúa. El vive coa súa muller, que pasa o día na casa a interactuar coas pantallas que recobren as paredes da sala de estar e a escoitar todo tipo de contidos a través duns auriculares sen cable (isto tamén cando non está diante das pantallas, mesmo cando dorme). Para ela, as persoas que saen ao outro lado da pantalla e que parecen dicir o seu nome, aínda que este é incorporado por un aparato de xeito mecánico, son a súa familia. A muller cre ser feliz, en medio de toda esa tormenta de estímulos audiovisuais e, cando aínda así sente que lle afloran os pensamentos, sae co coche e conduce a moita velocidade, para sentir a adrenalina e que desaparezan os pensamentos, ou toma pastillas para durmir, perdendo ás veces a conta das que tomou e sufrindo unha sobredose, como se nos narra, cando Montag chega ao cuarto e bate co bote baleiro dos somníferos, avisa o servizo de Emerxencias e veñen uns homes que lle limpan e renovan o sangue.

Aquel primeiro encontro con Clarisse, que vai seguido dunha serie de encontros diarios (ata que ela desaparece; pois falece tras ser atropelada) actúa como un detonante que fai que Montag comece a cuestionarse a súa vida. Como lle dixera Clarisse, el respondía automaticamente ás preguntas que se lle facían, non se detiña a pensar, a ver, a sentir; porén, aínda escoitaba e ollaba aos ollos. Ela preguntáralle tamén se era feliz e el pensaba que si, pero ao comezar a reflexionar sobre iso decátase de que non o é. O que sente é un gran baleiro.

·O tratamento do tempo: A novela divídese en tres partes: “La estufa y la salamandra”, “La criba y la arena” e “Fuego vivo”. O tempo vai avanzando de xeito lineal, contándosenos como vai medrando ese malestar en Montag, a medida que vai tomando consciencia da realidade na que vive e dos seus propios actos anteriores, aínda que na narración se fan saltos ao pasado ao ir introducindo algúns recordos de Montag, como o seu encontro no parque co profesor Faber, ou algunhas lembranzas da infancia, como cando unha vez se fora a luz eléctrica e súa nai e el permaneceran un tempo baixo a luz dunha candea, vendo o mundo que os rodeaba dende outra perspectiva, ou a lembranza daquela vez co seu primo na praia, tentando encher de area unha criba, que van cobrando novo sentido para el.

O seguinte episodio que marca a Montag é a experiencia de ir queimar unha casa chea de libros e ver como a muller que vive nela se nega a saír da casa e acende un misto, achegándoo ao queroseno co que os bombeiros impregnaran os libros, o que fai que se produza unha gran explosión. Ese día Montag leva un libro á casa. Séntese enfermo, sen ánimo nin forzas para seguir co seu traballo. O seu xefe, Beatty, vén velo á casa e tenta convencelo do perigoso poder dos libros. Montag pregúntalle que pasaría se un bombeiro levase un libro para a casa e Beatty respóndelle que se lle deixan 24 horas para que o lea e que logo o queime, senón irán eles destruílo. Beatty marcha e logo se descobre que durante o último ano Montag fora rescatando outros libros, ata gardar unha vintena deles detrás da reixa do aire acondicionado.  El e a muller botan unha ollada aos libros e el decide ir onda o profesor Faber, para preguntarlle se podería facer unha copia da Biblia, o último libro que rescatou.    

Sae á rúa co libro, coa vontade de captar todo o que nel se conta; vai no metro e berra para calar as voces dos anuncios publicitarios que soan estridentemente sen pausa e que a xente corea de xeito mecánico. Consegue convencer a Faber de que o axude a facer reimpresións dos libros e sabotar os cuarteis de bombeiros; está enfebrecido ao decatarse da mentira, da néboa na que vivira case toda a súa vida.

O seu malestar estoupa cando veñen de visita á casa dúas amigas da muller, ao ver a frivolidade das súas vidas, do seu xeito de falar de todo, só preocupadas por seguir consumindo novos estímulos. Lelles un poema “Paloma en la playa” (o seu título orixinal é “Dover Beach”, un poema de Matthew Arnold) que fala de como na aparente calma e beleza do mar se escoita o seu retumbar melancólico, prolongado, afastado; que en relación co libro leva a conectalo con ese engano que agocha a sociedade: detrás da alegría, da falta de preocupacións, da diversión constante, está o baleiro, porque falta o esencial, a conexión cunha mesma, coas persoas próximas, coa propia contorna).  

Logo todo se precipita. Montag vai ao traballo e ten lugar a batalla dialéctica co xefe, despois o aviso para iren queimar uns libros, que resulta ser na propia casa de Montag (a propia muller fixo a denuncia, aínda que as súas amigas tamén a fixeran); tras queimar Montag a súa propia casa Beatty pícao a Montag e descobre o auricular co que Montag e Faber se comunicaban e ameaza con rastrear o aparello para dar con Faber; Montag queima a Beatty… E desenvólvese a fuxida, ata chegar ao río e atopar os homes que viven á beira das vías do ferrocarril e que son libros viventes, pois memorizaron os libros e estes viven neles…

·O espazo: A novela sitúanos nun espazo urbano en que a xente se despraza en metro e automóbil a gran velocidade, sen deterse; en que as casas están cheas de dispositivos electrónicos (pantallas xigantes, miras na porta de entrada que avisan da chegada de visitantes…) e a xente leva tamén auriculares sen cable para estaren continuamente conectados.

Que vos parece o xeito en que todo isto aparece retratado? Parécevos que hoxe en día se ve como algo moi fantasioso ou que está próximo á realidade actual?

·A sociedade: A sociedade que se nos presenta está completamente atordada de tantos estímulos que recibe e quere cada vez máis, como unha droga, para non deterse e escoitar os seus propios pensamentos. Tamén bota man de somníferos e de substancias estimulantes e se ten unha sobredose hai xa un método moi desenvolvido de limpeza do sangue. A xente xa case non fala e cando fala as conversas están baleiras; “la gente no habla de nada”, di Clarisse. De feito, mesmo estando no mesmo lugar o único xeito que parece haber para romper o muro que impide a comunicación é facelo a través dos propios aparellos. Montag di que para comunicarse coa súa muller podería mercar unha emisora de radio auricular – porque os auriculares que teñen son só de recepción– e falar con ela, pero xa non sabe que lle podería dicir, de que poderían falar. Hoxe en día vense situacións semellantes; persoas que están  compartindo un mesmo espazo e, en vez de falar directamente, se comunican a través do móbil.

Xa non vale ter unha pantalla de televisión, senón que hai que aforrar para ter catro (pero cantas pantallas temos nas casas hoxe en día, contando os televisores, móbiles, ordenadores, tablets…?), unha en cada parede, e teñen que buscar captar a atención das persoas de xeito continuo (isto vese agora tamén, no bombardeo de imaxes e novas na televisión, nas redes sociais…; nos filmes e videoxogos que ofrecen estímulos lumínicos e sonoros continuos…); o coche ten que ir a máis de 150 quilómetros por hora para sentir a adrenalina, realmente para non sentir nada; non pasa nada se se atropelan coellos, cans, ou mesmo persoas (o que lle pasou a Clarisse ou o que case lle pasa a Montag durante a súa fuxida); mesmo se sente pracer.

Os libros están prohibidos e perseguidos, pero o principal problema e o que propiciou que iso acontecese foi que a maior parte da xente xa non lía libros. Hai un Sabueso Mecánico que persegue a quen non cumpre as normas e lle inxecta unha dose de procaína e morfina letal e os propios bombeiros atopan diversión en lanzarlle polos, ratas e gatos para que os mate.

A maternidade é vista como unha carga. Que diferente é a visión da maternidade que ofrecía Xela Arias en Darío a diario que a que amosa a amiga de Mildred!, que tivo os fillos por cesárea a pesar de poder telos mediante un parto natural, e que os ten internos nun colexio para non ter que aturalos e só os ve tres días ao mes, en que os mete na sala de estar e lles pon a televisión para que non a molesten, chegando a comparar ter fillos con lavar a roupa: meter a colada na lavadora e pechar a tapa.

De feito, os nenos e nenas son escolarizados case logo de nacer, para controlar o que fan e como se desenvolven, e a educación está dirixida a recibir contidos audiovisuais e facer deportes que non requiran pensar. Tampouco está ben visto que ninguén destaque intelectualmente; todas as persoas deben ser iguais. Óptase pola simplificación da información que se achega á sociedade que, ademais, pode estar manipulada “polo seu ben”, para evitar o conflito.

Búscase eliminar a dor, queimando os recordos, “eliminando a morte”, a través de suprimir os funerais e facer incineracións express…

·A sociedade que quedou atrás: Na novela sinálase todo o que se perdeu porque a xente deixou de facelo, embebida na sobreestimulación, porque está mal visto ou mesmo porque prohibido. É sospeitoso ver xente conversando porque pode estar a pensar e a preparar unha conspiración (as casas xa non teñen soportais nin xardíns, para que a xente non sente neles a falar,…), ou xente camiñando devagar ou deténdose na rúa; ou condutores conducindo a menos velocidade, ou xente observando, ulindo, escoitando o que ten ao seu redor, xente preguntándose o por que das cousas, mirándose aos ollos, apreciando ao outro por si mesmo e non polo interese (Cando Montag lle pregunta a Clarisse por que ten a sensación de coñecela dende moitos anos atrás, ela respóndelle que é “porque le aprecio a usted y no deseo nada suyo. Porque nos conocemos mutuamente”).  

·A manipulación da realidade: Na sociedade que se amosa na novela, hai censura e manipulación da información. Unha das que sustenta a trama do libro é aquela pola que se fai crer á xente que os bombeiros sempre se dedicaron a queimar libros, e que non é certo que antes se dedicasen, precisamente, ao contrario, a extinguir lumes. Para xustificalo, modifican a historia para defender que o primeiro bombeiro foi Benjamin Franklin, que se dedicaba a queimar libros, cando en realidade Benjamin Franklin creou a primeira brigada antiincendios en Pensilvania, que estaba dirixida, loxicamente, a previr e combater os incendios. Beatty emprega moitas veces citas de libros descontextualizadas e contraponas para desvirtuar a linguaxe e amosar a tendenciosidade das palabras. Porén, si que fai reflexionar tamén arredor de como hoxe en día, con toda a sobreinformación que hai en Internet, o doado que é atopar información non contrastada, errónea ou manipulada, quedar nunha abordaxe superficial dos datos ou conceptos ou entendelos de xeito equivocado.

Ademais, as persoas viven tan absortos nas súas rutinas e nas imaxes edulcoradas ou directamente manipuladas que reciben dos medios que non son conscientes (ou non queren selo) da guerra que se aveciña e que ao final estoupa, pois nin sequera saben realmente quen é o verdadeiro inimigo.

· Os libros e a natureza: Como nas últimas novelas que limos no club, nesta os libros tamén teñen un papel moi importante. Porén, a abordaxe é algo diferente. O canto de amor aos libros sitúase por debaixo, non de xeito directo, polo menos non ao comezo da obra. Os libros quéimanse porque son perigosos, porque fan pensar e sentir á xente, e iso vaise desenvolvendo pouco a pouco a medida que tamén evoluciona o personaxe de Montag, e van aparecendo os seus estoupidos de paixón polos libros. Porén, como di Faber, a esencia dos libros non son os propios libros, senón que seu valor está naquilo que conteñen: “No hablo de las cosas; hablo del significado de las cosas. Me siento aquí y sé que estoy vivo”. E iso non é outra cousa que a propia vida; os (bos) libros recollen a esencia da vida, iso que Clarisse xa lle amosara a Montag; porque ven o mundo e captan a esencia das cousas. E, como engade o profesor, iso tamén se pode atopar directamente na natureza ou en vellas cancións… Por iso, curiosamente, a novela, a pesar de que ten unha compoñente de ciencia ficción non fai unha apoloxía ou exaltación de toda esa tecnoloxía, senón que esta é empregada para advertir dos perigos aos que leva o ritmo da sociedade, a esquecer a propia esencia da existencia.

Debaixo do lume e das cinzas, das casas e da xente gris, o libro é tamén un canto de amor aos libros e á vida, que convida a ler poesía, a escribila, a vela directamente, parándonos a observar o mundo no que vivimos, a falar directamente coas persoas que temos preto, a miralas aos ollos, a dedicarlles tempo… E, todo isto, tende pontes coas lecturas anteriores tamén en relación co xeito de apreciar o mundo que nos rodea, en vivir dun xeito máis lento e conectado, sen vivirmos devorados pola présa.

Na súa fuxida, Montag sente o contraste ente a multitude de cheiros da natureza, que son quen de encher o seu baleiro, e o fume da cidade; sente a mirada do bosque sobre el (“Montag estaba solo en la selva”); descobre que o lume pode dar calor e agarimar, non só destruír; sente a forza do río; a inmensidade das estrelas sobre a súa cabeza, que levaba décadas sen ver… Hai algo ao final do libro que conecta a Montag con Antón Bolívar Proaño, o protagonista de Un viejo que leía novelas de amor.

Faber resume en tres puntos o que debe ter un bo libro: textura e calidade de información (que conteña pegadas da persoa que o escribiu e do momento en que esa persoa viviu; poros, marcas); que proporcione ocio, entendido como tempo para sentir, para pensar, e, por último, que veña acompañado do dereito a emprender accións, cambios, en base ao que neles se aprende.

· O estilo do autor: A pesar de que é unha novela curta, en que os acontecementos suceden dun xeito áxil, é interesante como o autor emprega tamén a poesía para facer as descricións e para presentar as sensacións e sentimentos de Montag, nun fermoso xeito de empregar a linguaxe. Que vos pareceu este xeito de escribir?

· Referentes:

–  Algúns referentes históricos sinalados polo propio autor foron a queima de libros en Alemaña en 1933 por parte dos nazis, ou durante a ditadura de Stalin, a caza de bruxas en Salem no século XVII, ou mesmo os incendios da Biblioteca de Alexandría.

– A queima de libros tense desenvolvido en moitos outros lugares e momentos da historia. Por exemplo, durante a Guerra Civil española e a posguerra tamén se queimaron moitos libros considerados “perigosos”  e durante a ditadura franquista operou o nihil obstat, ou sexa a censura que pasaba polo filtro político e relixioso. Noutro contexto diferente, outros feitos relacionados coa queima de libros e a destrución de diferentes manifestacións culturais son as que leva a cabo o Estado Islámico.

·A relación coa lectora/lector: Credes que o autor consegue conectar connosco? Fíxovos conectar co que conta e con como o conta?  

Algunhas cuestións interesantes que se poden abordar á hora de desenvolver a lectura e o comentario, ademais das que xa se foron sinalando, son:

— Que vos transmitiu a lectura? Transmitiuvos algunhas sensacións?

— Que cousas vos chamaron a atención durante a lectura?

— Que vos gustou do libro e por que? Houbo algo que non vos gustase e por que? (Proponse facer sempre un comentario crítico, razoado).

— Que conexións vos fixo establecer a lectura? Lembrouvos algo (outra lectura, unha vivencia persoal…)? Fíxovos pensar sobre algo?

E, centrándonos nos aspectos concretos desta obra:

—Que vos pareceu o xeito en que se nos conta a historia e como se presenta a sociedade en que vive Montag e o conflito que este comeza a ter co xeito de vida que ata entón tivera?

—Que vos pareceron os demais personaxes da obra? Atopastes neles unha complexidade?

— Esta obra foi escrita en 1951 pero está situada nunha sociedade do futuro imaxinada polo autor. Parécevos que se está a falar de persoas e acontecementos vitais que nos quedan moi lonxe espacial e temporalmente ou notastes unha proximidade?

— En relación coa pregunta anterior, que tal credes que pasou o tempo por esta obra?

Indicacións e tempos de lectura: A data límite para devolver o libro na biblioteca é o mércores, 23 de xuño (incluído). Podedes enviarme tamén o comentario tamén ata esa data.  

Ray Bradbury

2 pensamentos sobre “‘Fahrenheit 451’, de Ray Bradbury

  1. Fahrenheit 451 junto con 1984 de Orwell y Un mundo feliz de A. Huxley es un referente en los libros distópicos.

    Ray Bradbury narra de forma profética, algo exagerada, la sociedad actual. Algo que resulta sorprendente por el año en que lo escribió. En ese contexto, sorprende menos, por real y por la censura la quema de libros.
    Describe una sociedad que alimenta la ignorancia, que esclaviza y normaliza una realidad carente de sentimientos, inquietudes y ausente de relaciones personales.
    Sociedad que vive inmersa en imágenes y sonidos enlatados, permanentemente vigilados. En la actualidad redes sociales.
    “Mildred era una experta en leer labios; diez años llevando pequeñas radios auriculares le habían servido de gran ayuda a tal efecto…”

    Y refiriéndose a las pantallas “Si tuviésemos la cuarta pared…Oh! sería como si esta sala ya no fuera nuestra en absoluto, sino que pertenecería a gente éxotica.”

    “…los niños resultan ruinosos.
    …estoy con ellos tres días al mes. Los meto en el salón y les conecto el televisor. Es como lavar la ropa…”

    “Un vehículo lleno de adolescentes entre los doce y los dieciséis años, silbando, vociferando, vitoreando. Habían visto a un hombre, un espectáculo extraordinario; un hombre caminando, una rareza, y habían dicho: Vamos a por él.”
    El encuentro con los hombres-libro nos aporta esperanza. Todo se puede conservar en la mente para transmitir y conservar la cultura.

    “La gran literatura es ignífuga. Sobrevive a los críticos, los censores, incluso al paso del tiempo” -Bulgakov- Autor de “Los manuscritos no arden”

    “Para acabar con la cultura no sólo hay que quemar libros, sino dejar de leer” Ray Bradbury

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: