‘Darío a diario’, de Xela Arias

Esta lectura é especial pois nela queremos facer un achegamento e unha pequena homenaxe á figura e á obra de Xela Arias, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Para iso imos afondar na súa biografía e na súa creación e imos facer unha lectura conxunta poñendo voz entre todas a un fragmento do seu libro Darío a diario.

A autora: Xela Arias Castaño naceu en Sarria en 1962, sendo a maior de cinco irmáns. Os seus pais, Amparo e Valentín, instaláranse na Granxa de Barreiros, un proxecto pedagóxico que tiña como obxectivo incorporar a natureza e a cultura rural galega ao ensino. Seu pai, que destacou como ensaísta e tradutor, exercía de mestre naquela escola pioneira. En 1965 Valentín Arias comeza a traballar na Granxa de Arxeriz e a familia trasládase a Lugo e, catro anos máis tarde, é destinado ao Colexio de Sárdoma, nos arredores de Vigo, e a familia múdase ao que sería o seu destino definitivo.

A Xela, xa dende nena, interesáronlle moito a lectura e a escrita. En 1973, cando tiña once anos, o seu relato “A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia” foi premiado no VI Concurso de Contos Infantís O Facho (1973).

Para Xela e os seus irmáns a cultura formaba parte do cotián. Medraron rodeados de libros e as visitas de amizades dos seus pais procedentes do eido literario eran habituais no domicilio familiar sito na rúa Zamora. Ao rematar os estudos primarios en Sárdoma, Xela decide estudar no Instituto Castelao (no Calvario), por ser un dos poucos centros mixtos da cidade.

O ambiente de ebulición política e cultural que estaba a experimentar nese momento a cidade olívica, xunto coa vontade de se independizar, así como a súa desconfianza cara a un sistema educativo ríxido influíron na decisión de Xela de abandonar os estudos de COU. Porén, Xela nunca deixaría a lectura e a escrita.

A comezos dos anos oitenta comezou a escribir poesía e a difundila a través de publicacións periódicas (Faro de Vigo, Jornal de Notícias, Dorna, Tintimán, Carel…) e recitais. Ademais, en 1980 comeza a traballar en Edicións Xerais, fundada un ano antes, en principio para encargarse de tarefas administrativas. Porén, iría asumindo cada vez máis tarefas especializadas, como a corrección de estilo de textos.

En 1986 Xerais publica o primeiro poemario de Arias: Denuncia do equilibrio, escrito en 1984.  A súa poesía tiña unha clara vontade de experimentación formal, así como de cuestionar a orde aparente das cousas, e afástase das correntes poéticas da época.

En 1990 decide deixar de formar parte do cadro fixo de Edicións Xerais para retomar os estudos e decide matricularse en Filoloxía Hispánica no Colexio Universitario de Vigo, aínda que seguirá sendo colaboradora da editorial, e despois estudará a especialidade de Galego-Portugués. Tras licenciarse en Filoloxía no ano 1996, exerceu como profesora de ensino secundario ata o seu pasamento, no ano 2003.

Nesa súa vontade de experimentación, en 1990 publícase Tigres coma cabalos, froito do traballo conxunto coa súa parella, o fotógrafo Xulio Gil, que tamén resultaría nunha exposición. Para este libro, os dous fixeron dialogar imaxes e poemas.

No ano 1992 Xela e Xulio Gil casan e en 1994 nace o seu fillo Darío. Este feito marcou fondamente a escritora, que decidiu escribir un libro de poemas arredor da maternidade e a relación co fillo, que sairía publicado tamén en Xerais en 1996: o libro arredor do que desenvolvemos esta lectura, Darío a diario.

Outro campo no que destacou especialmente Xela foi no da tradución de obras de diferentes linguas ao galego, tanto de xeito individual (O Gato Gaiado e a Andoriña Señá: unha historia de amor, de Jorge Amado; Amor de perdición, de Camilo Castelo Branco; O bosque animado, de Wenceslao Fernández Flórez; Contos ó teléfono, de Gianni Rodari; As bruxas, de Roal Dahl; O derradeiro dos Mohicanos, de Fenimore Cooper; Drácula, de Bram Stoker…), como formando parte de equipos de tradución (Dublineses, de James Joyce; e O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha, de Miguel de Cervantes). De feito, tamén formou parte da Asociación de Tradutores Galegos (ATG) dende a súa fundación. Como tradutora obtivo diversos recoñecementos como a Medalha do Prêmio de Tradução Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución ou o Premio Plácido Castro.

O seu poemario Intempériome  publicouse en 2003, xusto antes do inesperado falecemento da autora en novembro dese mesmo ano. O tráxico suceso truncou as presentacións do libro, que é o que máis destaca pola súa experimentación formal, rompendo mesmo a propia estrutura dos poemas e xogando coa abstracción nos versos. Xela e o músico Fernando Abreu estaban a preparar recitais en que se combinasen os versos dela cun acompañamento musical que xogase coa improvisación. Xela enviara xa a Fernando os poemas gravados para que el se familiarizase cos ritmos dos versos e, con ese material, el completou o proxecto, que deu lugar este ano 2021 a Vencerse é cousa de se tratar, unha proposta escénica en que, ademais da voz de Xela e a música de Abreu, participan o músico Pablo Carrera, a actriz e cantante Mónica de Nut, e Roi Fernández, que crea cinema en directo.

En 2021, a editorial Galaxia publicou de xeito póstumo Non te amola!, un libro de relatos inédito, para o que Xela se inspirara nas lembranzas da súa nenez. O libro está escrito rescatando a voz da Xela de nove anos, e mestura a ficción cos elementos autobiográficos.  

Sobre o texto: Darío a diario, como vimos, foi publicado por primeira vez en 1996, dous anos despois do nacemento do seu fillo. Está escrito nun estilo moito máis directo que os seus poemas anteriores e vai dirixido a Darío. Ademais, nel, Xela concibe a maternidade facendo fincapé na liberdade do fillo fronte á nai. Esta acompáñao nos inicios da vida, axúdalle a medrar, pero sen que haxa unha posesión. O bebé que aparece na imaxe da portada do libro é o propio Darío cando era un meniño de tan só sete días, nunha instantánea feita polo pai.

Observacións para a lectura e o comentario:

Estamos nunha lectura bastante diferente das últimas que fixemos pois volvemos ao xénero lírico, á poesía. Aínda que está escrita nun estilo directo e bastante claro, require da lectura repousada para captar a fondura dos versos, o sentido que se agocha detrás de cada palabra.

·O punto de vista: Darío a diario está escrito en segunda persoa; diríxese a un “ti”, que é o seu fillo Darío, e ten un ton intimista.

·O punto de partida e o tratamento do tempo: O punto de partida é o propio embarazo. Xela retrotráese ao momento da xestación para facer mención aos cambios que ese “ratiño” que se aloxaba no seu ventre estaba xa a facer na súa vida (falando en pasado). Logo exprésase arredor do sentido que o fillo ten para ela xa logo do nacemento e os cambios que se van producindo e as reflexións que lle van xurdindo tanto en relación co presente como proxectándose cara ao futuro.

· O espazo: Alúdese un espazo exterior urbano, que evoca tamén dificultades, nunha metáfora das complicacións da vida: “Imos, meu ben, camiñar sereno pola cidade sen ramplas nas aceras”. E xérase un espazo íntimo nesa relación entre a nai e o fillo, antes do nacemento (nesa “xunción total” que expresa Xela). De feito, di que os seus (enténdese que a súa familia, as súas amizades) proxectaban xa como ía ser ese ser que medraba no seu ventre, pero para ela o foco estaba posto en sentir, en vivir ese proceso de xestación e esa sensación de unión total que se xeraba entre ela e o seu bebé.

· As palabras: En relación co punto anterior, Xela di que durante os nove meses de embarazo e os nove primeiros meses despois do nacemento de Darío ela se dedicou a vivir a experiencia. Todos os poemas que ela escribía nese momento, especialmente no embarazo, levábana a ese sentimento de unión [“Non había texto posible, rei, que eu escribise, incapaz de anota-lo sentimento no instante, ¿sabes? É que contigo era xa aquel o poema enorme, ¡o desterro dos pronomes, neno! (…)]. Logo dos primeiros nove meses de vida de Darío é cando comeza a reflexionar máis arredor das cousas (“¿Non é curioso? Noves meses que son dentro e nove levas agora fóra: xa estes meus dedos indican nas páxinas comentarios de vísceras e cabeza, ¡e que teimudamente, caramba, calados se mantiveran! Creo que eles si respectaban o meu firme propósito de non luxa-lo encanto”), e pensa que non o fixera ata entón para non ensuciar, embazar o encanto, a maxia do momento da xestación e deses primeiros meses de vida.

· A conxunción do particular co universal: No libro hai unha relación entre o particular: a propia relación de Xela co seu fillo e os sentimentos que a maternidade esperta nela pero dun xeito en que outras mulleres e outras fillas e fillos se poden sentir moi identificados. Ademais, fai referencia á unicidade de cada experiencia. O sentimento é universal pero hai unha unicidade no seu fillo, nesa persoa que vén ao mundo que é única e irrepetible, que o fai especial e que xera un vínculo concreto.”Tódolos bebés son tu e ningún coma ti (…)”.

· A visión da maternidade: Xela concibe a maternidade como unha relación de amor, de acompañamento, de apoio, pero non de posesión nin de control. De feito, di que quere ensinarlle ao fillo como posuírse a si mesmo, ou sexa, como apoderarse, como valorarse, como tomar as rendas da súa existencia.

· Os cambios no cotián: A poeta fala desa invasión, tanto visible dende o punto de vista xa material (cueiros, biberóns, roupiñas, xoguetes…) como tamén nesa dedicación constante que require ese novo ser. Compárase coa deusa hindú de múltiples brazos (como Durga, a deusa hindú que se representa con oito ou dez brazos).

·A relación coa lectora/lector: Credes que Xela consegue conectar connosco, como nais e/ou como fillas? Fíxovos conectar co que conta e con como o conta?  

Algunhas cuestións interesantes que se poden abordar á hora de desenvolver a lectura e o comentario son:

— Coñeciades a Xela Arias? Lerades algo da súa obra?

— Que vos transmitiu Diarío a diario? Transmitiuvos algunhas sensacións?

— Que cousas vos chamaron a atención?

— Que vos gustou á hora de afondar na figura de Xela Arias e en Darío a diario e por que?

— Que conexións vos fixo establecer a lectura? Lembrouvos algo (outra lectura, unha vivencia persoal…)? Fíxovos pensar sobre algo?

E, centrándonos nos aspectos concretos da obra e a autora:

—Que vos pareceu o xeito en que Xela aborda a maternidade?

 — Que vos chamou a atención en canto ás relacións que se establecen entre ela e o fillo a partir do poemario?

— E que vos parece o estilo ou xeito de escribir da autora? Podédelo tamén poñer en relación con outros textos da autora se ledes algún máis dos que vos van no material complementario.

Material complementario

· Información ampliada sobre a vida e a obra de Xela Arias.

· Vídeo da RAG sobre a orixe e o sentido do libro Darío a diario.

· Canción Darío a diario do grupo galego A banda da loba a partir do libro homónimo de Xela Arias.

· Exposición de fotografías de Xulio Gil no Porriño: “A poesía do retrato”. Trátase dunha colección de diferentes retratos de Xela Arias que dialogan con versos da poeta. Estará no Centro Cultural (Avda. Domingo Bueno, 9) ata o 30 de maio e a entrada é gratuíta.

·Poemas Autopoética.

· Breve percorrido pola vida e obra de Xela e escolma de textos de todos os seus libros.

·Escolma de poemas de Xela Arias.

· Libros de Xela Arias dispoñibles en Galicia Le: Denuncia do equilibrio, Darío a diario, Non te amola!

Entrevista feita por María Alonso a Xela Arias no xornal Atlántico Diario no ano 1989

· Entrevista feita por Manuel Rivas a Xela Arias no xornal La voz de Galicia arredor de Tigres coma cabalos no ano 1990.

· Cancións do grupo vigués Desertores, para as que Xela escribiu as letras.

One thought on “‘Darío a diario’, de Xela Arias

  1. Ante todo he de confesar que no conocía a Xela Arias ni leo habitualmente poesía.

    Como comentamos en la lectura anterior el lugar en el que nacemos nos influye. Y en el caso de Xela Arias ser hija de un traductor y vivir en un ambiente culto y rodeada de libros marcó su vida.

    La maternidad, desde el momento de la concepción fue fundamental, lo más importante, en su vida.
    Desde el primer momento ese “ratiño”, que se alojaba en su vientre, ocupaba todos sus espacios interiores y exteriores. La unión era total, la relación, una experiencia única “Tódolos bebés son TU e ningún coma ti…”

    Xela Arias concibió la maternidad como AMOR, compañía, apoyo, sin posesión ni control. Acompañar sin estorbar. Facilitar las herramientas para valorarse y tomar las riendas de su vida. Libertad.

    La maternidad es una experiencia propia e intransferible. Cada uno llevamos en nuestra “mochila” nuestras vivencias, la influencia familiar, la cultura del entorno, nuestra formación. El exceso de celo, la sobreprotección puede llegar a confundirnos y acotar la libertad de los hijos. La inseguridad atemoriza.
    Hay cualidades que nos pueden venir “de serie”, pero muchas que se pueden adquirir a lo largo de la vida y es ahí dónde el ambiente sociocultural es determinante.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: