Vinieron como golondrinas, de William Maxwell

Nesta lectura retomamos os textos longos, despois de centrarnos nestes últimos meses en textos breves, e en formato físico.

Xénero: novela.

O autor: William Maxwell (Illinois, 1908 – Nova Iorque, 2000) foi un escritor e editor literario estadounidense. Cando tiña dez anos, súa nai faleceu debido á gripe. Isto marcoulle e tamén se viu reflectido na súa obra. Despois, seu pai casou novamente e mudáronse a Chicago. Estudou nas universidades de Illinois e Harvard e estivo varios anos dando clases de literatura ata que decidiu centrarse na súa propia creación literaria. A primeira novela que escribiu foi Bright Center of Heaven. Vinieron como golondrinas foi a segunda e aquela na que el mesmo recoñeceu que atopara a súa voz literaria. Pouco despois da publicación desta obra ofrecéronlle traballar como editor na prestixiosa revista The New Yorker, posto que ocuparía durante corenta anos. Dise que o seu excelente labor como editor, onde procuraba que o xeito de escribir de cada autor ou autora brillase, sen impoñer el outro estilo, e o coñecido que foi nese campo, ocultou bastante o seu talento como escritor. Porén, nas últimas décadas, este comezou a ser recoñecido.

Sobre o texto: Vinieron como golondrinas ten ingredientes autobiográficos, pois Maxwell tamén naceu e pasou a súa infancia en Illinois, e a súa nai tamén  faleceu debido á gripe cando el tiña dez anos. A novela céntrase na vida da familia Morison e sitúase en novembro de 1918. De feito, comeza o segundo domingo de novembro de 1918, un día antes do que é considerado o fin da Primeira Guerra Mundial, o luns 11 de novembro de 1918, cando Alemania solicita un armisticio. Ademais, tamén coincide coa segunda vaga da gripe en Estados Unidos, que tivo lugar entre os meses de setembro e novembro de 1918 e que foi moito máis devastadora que a primeira, que se producira na primavera.

A gripe de 1918 tamén foi coñecida internacionalmente como “a gripe española”, non porque se orixinase en España, senón porque os medios de comunicación españois foron os primeiros en informar sobre ela. Nos países implicados na guerra había censura e non se informaba arredor desta enfermidade co fin de non desmoralizar as tropas e non dar sinais de debilidade ante o inimigo.

A novela está dividida en tres partes. Cada unha delas ofrece o punto de vista dun personaxe diferente: a primeira, o de Bunny, o fillo menor; a segunda, o de Robert, o fillo maior; a terceira, o de James, o home de Elisabeth e pai de Bunny e Robert. A pesar de situárense nos seus puntos de vista, non están narradas en primeira persoa, senón en terceira, a través da figura dun narrador omnisciente, que nos conta o que pasa pola mente dos personaxes.

Observacións para a lectura e o comentario:

·Relación entre os personaxes: É moi interesante ver como os tres personaxes dos que se nos amosa o punto de vista orbitan arredor do personaxe da nai, Elisabeth, así como as relacións que se establecen entre eles.

Para Bunny todo xira arredor da nai. O propio espazo cambia en función de se a súa nai está presente ou non. A relación co irmán Robert é moi distante; chégase a dicir que a Bunny non lle interesa nada do seu irmán agás os seus soldados. Co seu pai tampouco ten unha boa relación; de feito prefire que o seu pai non estea presente. Nun momento dise que a voz e a firmeza do pai eran para Bunny como “dos tercas manos puestas sobre los hombros de Bunny. Por mucho que se resistiera a ellas, era inútil”.

Robert ten moitas máis cousas en común co pai e tenlle cariño, mais sente que non pode falar con el; ao contrario que coa súa nai, con quen “casi nunca estaba forzado o incómodo. A ella le resultaba fácil y natural hablar de cualquier asunto que se le ocurriera”.

A James non se lle dan ben os nenos; dísenos “a la larga, más valía no tener hijos. James no los entendía: no tenía la mejor idea de lo que se les podía estar pasando por la cabeza. Pero eso le correspondía a Elisabeth; al fin y al cabo, era ella la que había querido tenerlos”. Aínda por riba el levábase mellor coas nenas e xusto o último fillo que teñen é tamén un neno. Ademais do baleiro enorme que supón a morte da muller, dóelle que as últimas palabras ou vontades dela fosen para o neno e non para el.   

Por outra banda, ademais do personaxe arredor do que se moven os outros tres, a nai, e da que, porén, non se nos amosa o seu punto de vista, tamén completan e reforzan a trama outros personaxes; especialmente Irene, unha das irmás de Elisabeth, mais tamén o resto de familiares, Sophie, a veciñanza… E logo está a gripe, como unha sombra que paira sobre os personaxes durante toda a novela.

 ·Temas: Un dos temas principais do libro é a chegada da ausencia. Como se pasa da presenza á ausencia. Como pode cambiar todo en tan pouco tempo. Robert lembra as cousas que aconteceran tan só un mes antes, o último domingo de outubro, cando foron pasar un día en familia ao río.  

Outro tema moi importante no texto é a culpa. Aparece como algo moi sutil en Bunny, cando lembra que esqueceu contarlle á súa nai que o seu compañeiro Arthur Cook se puxo enfermo. Refórzase en Robert, que se culpa por non evitar que súa nai entrase no cuarto de Bunny. E faise aínda maior en James, que fixo que se metesen no tren ateigado mesmo sabendo que tiña que dar un paso atrás. 

·Recursos e estilo: Maxwell emprega un estilo realista e sobrio, nada recargado. Porén, céntrase nas sensacións e no detalle e destaca a poética que introduce á hora de describir os personaxes e os obxectos que os rodean, establecendo relacións entre os elementos inanimados e como estes cambian en función do tempo, do estado de ánimo do personaxes…, axudándonos a achegarnos máis ao xeito en que cada un dos membros da familia dos que se nos ofrece o seu punto de vista (Bunny, Robert e James) ve e entende o mundo. En Bunny é especialmente notable; os reloxos envían sinais, as liñas dos cuartos cambian en función de quen está no espazo e de como el se sente, a súa fantasía dispárase se está a nai preto…

Algunhas cuestións interesantes que se poden abordar á hora de desenvolver a lectura e o comentario son:

—Que me transmitiu a lectura? Transmitiume algunhas sensacións?

—Que cousas me chamaron a atención durante a lectura?

—Que me gustou do libro e por que? Houbo algo que non me gustase e por que? (Proponse facer sempre un comentario crítico, razoado).

—Que conexións me fixo establecer a lectura? Lembroume algo (outra lectura, unha vivencia persoal…)? Fíxome pensar sobre algo?

E, centrándonos nos aspectos concretos desta obra:

—Que vos pareceu o xeito en que se formulan os tres puntos de vista: o de Bunny, o de Robert e o de James?

 —Que credes que engade ou resta na novela que non se inclúa o punto de vista da nai, que só a coñezamos a través do punto de vista dos outros tres personaxes?

—Que vos chamou a atención en canto á relación entre os personaxes?

—E en canto ao estilo ou xeito de escribir do autor?

—Esta obra foi escrita en 1937 e narra uns acontecementos que tiveron lugar en 1918. Tal e como están presentados os personaxes, a casa familiar, a veciñanza, os seus costumes, problemas, xeitos de pensar, inquedanzas…, sen ter en conta o vínculo máis evidente que se pode establecer en canto á cuestión pandémica, parécevos que se está a falar de persoas e acontecementos vitais que nos quedan moi lonxe temporalmente ou notastes unha proximidade?

—En relación coa pregunta anterior, que tal credes que pasou o tempo por esta obra?

—E, en canto á pandemia e a situación social derivada da mesma, que similitudes e diferenzas atopades entre a que se nos narra na novela e a actual?

Indicacións e tempos de lectura: Tedes ata o luns 30 de novembro, incluído, para ler o libro e enviarme o comentario en formato audio para participar no podcast desta lectura. Lembrade que tamén podedes deixar comentarios escritos no formulario que se atopa debaixo desta publicación.

Importante: Tedes ata o martes 1 de decembro, incluído, para devolver o libro na biblioteca. É moi importante que respectemos os prazos de devolución dos libros polo ben de todas as persoas participantes, xa que se os libros non se devolven á biblioteca central a tempo hai unha penalización que nos afecta a todas.

Material complementario:

Dise no libro que a avoa Morison lle contaba a Robert o do Lusitania, o asasinato do presidente Garfield ou o bombardeo do forte Suéter. Aquí tedes unha breve explicación e material complementario arredor destes feitos.

— O afundimento do Lusitania: O transatlántico Lusitania, que realizaba a travesía entre Nova Iorque e Liverpool, afundiuse fronte ás costas irlandesas o 7 de maio de 1915 despois de ser torpedeado por un submarino alemán. Porén, testemuños sinalan que se produciu unha segunda explosión, seguida á primeira, que levou a que en cuestión de 18 minutos o barco de afundise, causando máis de mil mortes e cambiando o curso da Primeira Guerra Mundial, xa que influiría en que Estados Unidos decidise entrar na guerra. Curiosamente, varios días antes de que o buque partise, a embaixada alemá publicara en varios xornais estadounidenses este anuncio: “Lémbrase aos viaxeiros que teñan a intención de cruzar o Atlántico que existe o estado de guerra entre Alemaña e os seus aliados e Gran Bretaña e os seus aliados; que a zona de guerra inclúe as augas adxacentes ás illas británicas e que, segundo advertencias formais do Goberno Imperial Alemán, os barcos que leven a bandeira de Gran Bretaña, ou de calquera dos seus aliados, son susceptibles de ser destruídos nestas augas e que os pasaxeiros que viaxen á zona de guerra en barcos de Gran Bretaña ou dos seus aliados o fan pola súa conta e risco”. Aínda así, o barco zarpou.

Porén, durante moitos anos mantivéronse as dúbidas detrás do afundimento e por que se produciu esa segunda explosión, se o transatlántico estaba a levar, ademais de pasaxeiros civís, cargamento de guerra agochado. Unha investigación desenvolvida en 2011, a partir do acceso aos restos do Lusitania, demostrou que o barco estaba a levar un cargamento de munición, o que explica esa segunda explosión e o afundimento tan rápido do barco. Outro dato interesante era que o Lusitania fora construído para poder ser adaptado e empregado como barco de guerra, aínda que se usou por pouco tempo con este fin debido ao seu elevado gasto de combustible e axiña volveu ser empregado para o transporte de pasaxeiros. Alemaña non só escusou o ataque a un barco cheo de civís por atoparse este en zona de guerra, senón tamén porque nese momento moitos barcos de pasaxeiros estaban a ser empregados como barcos de guerra. A cuestión que se formula era se xa se prevía que o ataque ao Lusitania (e afundimento) ía acontecer e non se evitou ou mesmo se propiciou ao levar a munición, para xerar un motivo polo que Estados Unidos decidise unirse á guerra, sendo as vítimas do naufraxio “danos colaterais”.

·Esta noticia recolle todas estas cuestións: https://historia.nationalgeographic.com.es/a/misterioso-hundimiento-lusitania_15294

·E aquí tedes o documental sobre a investigación desenvolvida en 2011 a partir do acceso aos restos do Lusitania: https://www.youtube.com/watch?v=Dhjm6ziXXJs

— O asasinato do presidente Garfield: James Garfield foi o vixésimo presidente dos Estados Unidos e o segundo en ser asasinado (o primeiro fora Abraham Lincoln). O 2 de xullo de 1881 recibiu dous disparos polas costas, cando agardaba o tren. Morrería 80 días despois, tras unha longa agonía debido a unha septicemia debida á falla de hixiene por parte dos cirurxiáns que o atenderon.

·Esta noticia refírese ao caso: https://www.abc.es/historia/abci-absurda-muerte-presidente-olvidado-eeuu-culpa-unos-medicos-ineptos-201807180133_noticia.html

— O bombardeo do forte Suéter: Non sei por que o traduciron así, xa que esa tradución non corresponde co nome do acontecemento, pero refírese ao bombardeo do forte Sumter, ocupado por tropas da Unión (dos estados do norte), por parte do exército confederado (dos estados do sur). Este tivo lugar en 1861 e, aínda que en si mesmo non causou mortes, suporía o comezo da Guerra de Secesión en Estados Unidos, unha guerra civil que se estendeu entre 1861 e 1865 e que resultou ser o episodio máis sanguento da historia do país.

Ademais, engadinvos varios materiais en relación coa gripe de 1918:

·Neste podcast de RTVE explícase como a gripe de 1918 resultou ser a peor catástrofe sanitaria da historia: https://www.youtube.com/watch?v=0NcsMHO4MYc

·Nestas entrevistas, o historiador Xoán Carlos Abad Gallego, autor do traballo de investigación E o outono tinguiuse de loito. A gripe de 1918 nas terras de Vigo (publicado en 2010 polo Instituto de Estudios Vigueses), explica como foi a incidencia da gripe de 1918 na zona de Vigo e a súa área, sendo lembrada por moitas fontes como un dos acontecementos máis tráxicos na historia local, xunto coa Guerra Civil, e tamén establece relacións e diverxencias entre aquela pandemia e a actual:

·https://www.gciencia.com/historias-gc/a-segunda-ondada-do-18-foi-mais-mortifera-e-non-contaban-con-ela/

·https://www.mazarelos.gal/2020/05/11/decateime-como-a-xente-lembraba-como-os-dous-fenomenos-mais-traxicos-da-nosa-historia-local-a-guerra-civil-e-a-gripe-de-1918-entrevista-a-xoan-carlos-abad-gallego/

Participación: Se alguén que non está anotado ou anotada como participante do club de lectura le o libro e quere participar é máis que benvida/o. Podedes enviar os vosos comentarios en formato audio para participar no podcast que imos facer sobre a actividade ou deixar os vosos comentarios por escrito no formulario que se atopa debaixo da publicación. Como agora as lecturas as facemos en papel, se queredes anotarvos como participantes do club de lectura e poder coller os libros en préstamo na biblioteca, poñédevos en contacto comigo dende o formulario de contacto do blog.

3 pensamentos sobre “Vinieron como golondrinas, de William Maxwell

  1. Lo que impacta en un primer momento es la terrible coincidencia del hecho histórico. Colegios cerrados,recomendación de no viajar… “algo que no se veía ni oía” cualquier comentario de hoy mismo. Los juegos de los niños, entre otras cosas nos trasladan a 1918.

    Bunny es un niño muy tímido y sensible, la presencia de su madre es fundamental. se pregunta cómo sería el mundo sin su madre para protegerlo de todo lo desagradable?
    “Las manos de Irene le comunicaban emoción y en las manos de su madre notaba lo mucho que lo quería”La relación con el padre es distante, incluso diría que temerosa. “Su voz y firmeza eran como dos tercas manos puestas en los hombros de Bunny”

    Robert con su “impedimento” está en otro momento, adolescencia, rebeldía, independencia.
    El tiene más conexión con su padre, comparten gustos, aficiones, pero sus comentarios le abochornan.
    Sin embargo con su madre nunca estaba forzado y podía comentarle todo tipo de cosas.

    La figura del padre representa el lugar que el hombre ocupaba en la sociedad de aquel momento. El “respeto” entendido como autoridad y distancia, y la cercanía y lo cotidiano para la madre.
    A pesar de ésto el momento más dramático lo vemos cuando muere la esposa. La soledad del padre con un tercer hijo y sin el eje de la familia hace que su mundo se derrumbe y se plantee abandonar. Borrar todo como si nunca hubiese existido.

    A los tres les une el sentimiento de culpa, por no advertir de la enfermedad de un compañero, por dejar entrar a la madre en la habitación del hermano enfermo y por viajar en un tren abarrotado.

    La tía Irene aporta frescura al relato en general y la esperanza de que la familia no se desconponga.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website at WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: